Wednesday 01 de May de 2024

San Sadurniño finaliza con música este sábado os actos con motivo do #8M


18:00h, Casa da Cultura, coa actuación das escolas municipais de música e baile tradicional e do grupo da AC Brío

A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá este sábado a partir das 18:00h a última cita organizada por Igualdade con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A música será protagonista dun evento aberto ao público no que participarán as escolas municipais de gaita, pandeireta e baile tradicional, ademais da Asociación Cultural Brío. Desde o departamento explican que o repertorio musical e coreográfico estará composto “por pezas de onte e hoxe que poñen en valor o empoderamento feminino e a transmisión da nosa cultura a través das mulleres”.

A tarde abrirase co grupo de maior idade da AC Brío -a entidade ten desde nenas e nenos até adolescentes- cunha espectacular montaxe do tema “Tola“, das Fillas de Cassandra, no que levan traballando varias semanas e que, igual que outras pezas que se interpretarán despois, mostran precisamente ese empoderamento da muller ao que se refiren desde a concellaría de Igualdade.

A rapazada de Brío cederalle o escenario á escola municipal de gaita e percusión, como enlace coa agrupación de baile tradicional que, á súa vez, fará de ponte entre as gaitas e as pandeiretas botándolle pasodobres, muiñeiras e unha xota, a de Vilar, á que lle cambiaron a letra pola do “Que non mo neguen”, das Tanxugueiras.

E é que moito antes que Miley Cyrus fixese famoso o seu “Flowers” e Shakira reafirmase que as mulleres xa non choran, senón que facturan, as Tanxus xa asinaran esta peza de innegable mensaxe feminista: “Fago todo o que eu quero / E o que me sae de dentro / Fago todo o que eu quero / E o que me sae de dentro / Non preciso de ninguén / Que eu mesma xa me chego / Non preciso de ninguén / Que eu mesma xa me chego / Son muller forte e libre / Non hai ninguén que mo negue / E se alguén o intentara / Que mala febre o leve / Eu e máis vós compañeiras / Eu e máis vós camaradas / Cantamos e arruamos / Facemo-la foliada”

Nesta letra resoan os ecos da sororidade do cancioneiro popular galego que, porén, tamén ten exemplos do contrario e, de feito, “en moitas coplas tradicionais afloran o machismo, a degradación e incluso a normalización dos abusos contra da muller”, apunta Oriana López, técnica municipal de Igualdade. Neste sentido, as cantareiras da escola municipal ofrecerán unha breve introdución a esa realidade seguida dun repertorio que irá evolucionando desde os retrousos onde a igualdade nin está nin se espera, até aqueles que, efectivamente, teñen por bandeira o empoderamento feminino, como é o caso da “Voz das amigas” de Leilía ou o “Que non mo neguen” que cantan Olaia, Sabela e Aida.

As pandereteiras poranlle o ramo ao encontro musical do serán deste sábado, co que tamén rematarán as actividades desenvolvidas polo Concello durante todo este mes de marzo con motivo do Día Internacional da Muller.